O bum da máquina das mentiras
A polémica acerca da veracidade do polígrafo cobra forza catorce anos despois de que o primeiro detector chegara ás pantallas españolas cun enorme éxito de público e as privadas abarrotan os seus espazos con estes aparellos nunha loita pola audiencia

H. CAMPOS, E. SANDE | TEXTO
A máquina da verdade é ese artefacto ao que tan acostumados nos teñen as películas de Hollywood, dende as policiais e de espionaxe ata as de ciencia ficción como Blade Runner ou, incluso, as cómicas como Los padres de ella na que Robert De Niro conecta ao seu futuro xenro aos cables do detector para saber se mantén relacións sexuais coa súa filla. Ademais, un milleiro de veces temos escoitado ao longo dun interrogatorio cinematográfico iso de «¿estaría disposto a someterse ao polígrafo?». Unha proba á que o cine lle outorga unha eficacia infalible polo que o público soe dar por boa esa información. A máquina da verdade tamén chamada detector de mentiras ou polígrafo é un aparello capaz de medir e rexistrar de forma continua nun gráfico —rolo de papel térmico ou pantalla de ordenador— moitas variantes e expresións fisiolóxicas que se producen no organismo dun individuo estimulado psicoloxicamente mediante determinadas preguntas. Calcula aspectos como o ritmo cardíaco, a taxa respiratoria, a capacidade da pel para conducir a electricidade, a tensión sanguínea, a produción da suor e un longo etcétera de parámetros. Así, establece a relación existente entre expresións psicolóxicas e reaccións fisiolóxicas. Pero afirmar que un minte ou di a verdade en base a reaccións físicas é arriscado. Non todos os seres humanos reaccionamos dun mesmo xeito ante os estímulos. É como supoñer que un bebé chora por ter fame ou estar mollado unicamente escoitándoo. O neno chora, e é seguro que será por algunha cousa; pero non podemos saber con exactitude a causa . É un dato que non está incluído na situación. Para demostrar a fiabilidade dos veredictos deste instrumento a Academia Nacional da Ciencia estadounidense creou no ano 2002 un equipo de investigación. Os resultados obtidos son demoledores e conclúen que: «As probas poligráficas son completamente inválidas como un instrumento diagnóstico para determinar a verdade».
Este equipo investigador chegou á conclusión de que o polígrafo non detecta verdades nin mentiras, senón cambios físicos na medida en que nos emocionamos ou inquietamos. Ademais, do estudo tírase que os detectores non teñen suficientes bases científicas, nin teóricas que proben que as súas afirmacións son verídicas.



a-estela dijo
Non quedou mal esta colaboración que fixemos. Jeje.
13 Marzo 2007 | 03:49 PM